Teatro de Ningures presenta "Atra Bille"

Nazaria, Daría e Aurora son tres irmás xa anciás  que viviron toda a súa vida xuntas nunha gran casona dun pobo calquera. Esta noite de xoves están reunidas para velar o cadáver do marido de Nazaria, a única que casou, acompañadas da fiel criada de Nazaria, Ulpiana. E será ao redor deste velorio cando saian á luz as eternas querelas entre as irmás e eses segredos ocultos que permanecen alí, latexantes, durante cincuenta anos.

O elemento común que une a estas catro mulleres é o difunto marido de Nazaria que permanece en escena durante todo o tempo no que se desenvolve  a obra e que de unha maneira ou outra formou parte da  vida das catro mulleres, como se irá descubrindo ao longo da  obra, e que sempre deixou  un pouso de amargura biliosa nelas. A partir del e das  discusións que a súa  propia presencia provoca descubrirán os segredos que as catro mulleres foron  gardando o longo dos anos, e será o responsable de que afloren nelas  sentimentos que constituirán un abano onde teñen cabida todas as cores do espectro sentimental: odio, amor enfermizo, vinganza, xenreira, tristura, noxo… Estes sentimentos son os que moven o fio argumental e conducen os personaxes a unha traxedia fallida (ou casi) na  que desemboca a obra.

Xénero: Drama

Público ao que vai dirixido: Adulto

Duración: 90 minutos

Intérpretes: Sonia Rúa, Casilda Alfaro, Josi Lage, David Novas, Fran Paredes

Dirección: Etelvino Vázquez